Historia
- TOPONIMIA
O nome da capitalidade de Tordoia; Pontepedra-Cabaleiros, pode xurdir desde diferentes pólas históricas. A procedencia de termos como “Cabaleiros” non está concretamente definida, de todos os xeitos está aberta á especulación dunha posible orixe nos dólmenes, xa que as ditas construcións funerarias tamén son coñecidas como “Pedras Cabaladas”, e que a mutación da palabra cabaladas sobre o seu xentilicio, dese lugar ao vocábulo Cabaleiros (cabaladeiros).
Os Celtas, á súa chegada a Galicia, viñan compostos por multitude de liñaxes, algunas das cales puideron ser os Catali-Cataliorum, un pobo galo de Narbona. Tanto os Catali como os Gabali puideron dar a palabra Cabaliores ou Gabaliores, e máis tarde convérterse en Cabaleiros e Gabaleiros.
Doutra banda, na antigüidade houbo unha rexión confusamente situada, denominada Caballa e os seus habitantes eran Cabalienses.
Xa na romanización, os escritores do imperio louvaban a categoría e a forza dos cabalos galegos, describíndoos como moi corredores, bos trepadores e de suave paso de andadura, xa que logo tamén cabe a posibilidade dunha evolución do término “Cabalia” e “Cabalienses” para concluir en Cabaleiros.
Un dos primeiros acontecementos nos que se recolle o nome de Cabaleiros é á chegada en 1610 do Cardeal compostelano Don Xerónimo do Hoyo, en visita pastoral e en nome do Arcebispo Don Maximiliano de Austria, irmán de Felipe III. Na reseña que nos deixou constancia titulou a esta parroquia como “San Giao ou San Julian dos Cavaleiros”. Nesta data Cabaleiros tiña 64 veciños e había nesta parroquia unha ermida adicada a Santo Tomei. Nada nos fala na reseña deixada dunha posible vinculación cos cabaleiros da Orde Militar de Santiago.
Finalmente, e cambiando o nome que nun principio se lle atribuíu, Vilaprego, no mes de xuño de 1836, ao constituír os novos concellos da provincia da Coruña, concedéuselle o nome de Tordoya, coa publicación do novo nomenclátor de Galicia corríxeselle o nome do municipio polo de Tordoia, malia algún intento por parte dos autóctonos lugareños de cámbialo por Cabaleiros, ainda que ese proceso non chegou a termo.
A día de hoxe, o nome oficial é “Concello de Tordoia” e o seu xentilicio é «tordoiés/tordoiesa».
- ESCUDO DE ARMAS
As orixes do escudo remóntanse ao ano 1846. A composición é de prata, cunha árbore sinople de dúas copas, sostido de tres ondas de azur e prata, e coa Coroa Real de España que é pechado e engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, interpoladas de pérolas e de cuxas follas saen outras tantas diademos de pérolas que converxen nun mundo de azur co corpo en outro e acabando nunha cruz de ouro e todo iso forrado de gules.
Enténdese que a árbore de dúas copas facía referencia á multitude de castiñeiros que había na zona, xa que hai poucos exemplos como este en heráldica. As ondas azuis e prata fan referencia aos numerosos ríos, fontes e arroios que fertilizan e regan o Concello.
Na seguinte ligazón, pode consultar o proxecto de escudo de armas do Concello de Tordoia realizado por D. Vicente de Cadenas y Vicent, Cronista Rey de Armas