Arquitectura Relixiosa
O Concello de Tordoia en canto á arquitectura relixiosa, non ten uns matices moi diferentes á dos concellos limítrofes, sendo en xeral unha arquitectura sinxela de tipo rural e que se engloba nas distintas igrexias, ermidas, capelas e cruceiros parroquiais existentes no termo municipal.
As plantas das igrexias son moi semellantes, na maior parte dos casos de tipo rectangular e unha soa nave cun corpo apegado que serve de sacristía.
Existen, así e todo, algúns exemplos barrocos moi interesantes nos que se pode apreciar unha influencia do barroco compostelá como na igrexia parroquial de Santa María de Castenda do século XVIII, un edificio de planta rectangular e unha soa nave que centra os detalles máis importantes na ornamentación da fachada principal, coroada por unha torre-campanario. Na portada e na base da torre apréciase ese particular barroco galego, do tipo barroco de placas que parte do arquitecto Simón Rodríguez.
Outra igrexa interesante é a parroquial de Santa María de Bardaos, ainda que sufriu numerosos engadidos co paso do tempo. Se ben a igrexia ten formas barrocas como na torre, a fachada adscríbese a un modelo neoclásico.
É o barroco o estilo predominante no Concello de Tordoia, se ben moitas das igrexias só conservan da súa traza orixinal uns poucos elementos, e outros foron moi alterados. Este é o caso dun templo importante como a Ermida de Nosa Señora do Carme, coñecida pola súa zona como centro de culto. Conserva ben a súa fachada, na cal se dispón unha fornela coa imaxe da Virxe.